ENTRAR            

 


 

TEMPERAMENTVM ISSN 169-6011

 

 

ARTIGOS ESPECIAIS

 

Documentos relacionados

Clic no autor para ver o resumo biográfico

versión en español

versión en inglés

Ir ao Sumario

 

 

Enviar correo para o autor 

 

situación : coidado básico :: enfermidade : atención especializada

Felipe Gago Couso
Profesor Titular do Departamento de Álxebra, Facultade de Matemáticas, Universidade de Santiago de Compostela. Galicia, España

Correspondencia: Facultad de Matemáticas, Universidad de Santiago de Compostela. Avda. Lope Gómez de Marzoa s/n, Campus Sur, 15782 Santiago de Compostela, España

Manuscrito aceptado o 4.6.2010

Temperamentvm 2010; 11

 

 

 

Como citar este documento

Gago Couso, Felipe. situación : coidado básico :: enfermidade : atención especializada. Temperamentvm 2010, 11. Disponible en <https://www.index-f.com/temperamentum/tn11/t7101g.php> Consultado o

 

 

 

Resumo

Neste ano 2010 conmemórase o primeiro centenario da morte de Florence Nightingale (1820-1910). Ademais de ser considerada a nai da enfermería moderna, foi unha entusiasta matemática que desenvolveu interesantes técnicas estatísticas e de representación de datos, o que lle valeu o nomeamento en 1858 como membro da Statistical Society of England. Aproveitando esta súa dobre faceta, eu, que son matemático profesional e coidador aficionado, pretendo coquetear con ambas dúas disciplinas, empezando cunha regra de tres a modo de título.

 

 

 

    No número de maio de 2010 de Notices of the American Mathematical Society, Underwood Dudley preguntábase para que servían as Matemáticas.1 Como bo matemático, o Profesor Dudley precisaba no primeiro parágrafo que a pregunta era en realidade Para que serve a educación matemática? e, aínda que non pretendo compararme a el, en ningún aspecto, apresúrome a dicir que se refería á educación xeneralista, a dirixida a toda a poboación, e non especificamente a futuros profesionais da matemática.

En concreto referíase á aritmética, á álxebra, á xeometría, ao cálculo e demais. Defendía que, mentres que a aritmética (sumar, restar, etc.) é útil á poboación en xeral, e pode situar en desvantaxe a quen non a manexe con soltura, a inmensa maioría pode, e debe ser capar de, amañarse sen álxebra, sen xeometría e sen cálculo. Que a obrigatoriedade destes temas, que xa chega ás primeiras etapas da formación, está sobrevalorada. Continuaba a súa argumentación cunha escolma de exercicios que aparecen en libros de texto para, supostamente, exemplificar a necesidade e ubicuidade das matemáticas.

O responsable de Protección Civil dunha pequena vila atópase con que debe limpar os 640 Km. de rúas municipais despois dunha intensa nevada. Cantas máquinas quitaneve debe utilizar para conseguilo nun día, se cada máquina pode avanzar aproximadamente 11 Km. cada hora?

A crítica parece sinxela, pois 640 Km. de rúas non semella ser propio dunha "pequena vila", e se o que se pretendía era dar a idea de que calquera persoa, sen especial formación máis alá da básica, pode chegar a responsable de Protección Civil dunha pequena poboación, habería que engadir que naturalmente, unha vez no posto, o primeiro que deberá coñecer é o número de tractores de que dispón, e de canto persoal hai para manexalos, e que ante esta situación, que non problema, o propio é mobilizalos a todos para acabar canto antes.

Supoñemos que a intención do autor do libro de texto era animar á clase a practicar unha simple regra de tres, presentándolla como algo necesario, calquera que for a súa futura profesión, pero poida que este non sexa o camiño.

Preténdese dicir con isto que non hai que ensinar este tipo de problemas na escola? Absolutamente, non! Débeselle pedir ao alumnado que resolva problemas con palabras, cantos máis, mellor, pero a razón para elo non é que vaian xurdir nas súas futuras ocupacións profesionais: O obxectivo da educación matemática non é preparar o alumnado para os postos de traballo, senón ensinarlles a vía da razón.

Florence Nightingale entendeu á perfección o interese da educación matemática como medio de liberación (en particular das mulleres da súa época) a través da razón, e tanto no uso que delas fixo coma no tempo en que se adicou ao seu ensino deu mostras sobradas delo.2

O profesor Dudley nunca lerá estas liñas, pero se o fixese espero que non me considere digno de ser incluído nunha versión posterior do seu mordaz libro3 sobre aquelas persoas que aseguran ter probado o indemostrable, ou conseguido o imposible: entender a enfermería dende as matemáticas.

Cando me propuxeron unha reflexión persoal sobre a profesión e/ou os estudos de enfermería, non tiña idea de como comezar. Non cría que a existencia de problemas de saúde no meu entorno próximo dende xa vai algún tempo me conferise ningún tipo de autoridade para falar do asunto. Despois ocorréuseme que se cadra podería usar o meu entrenamento na resolución de problemas para darlle corpo a unha reflexión que aportase un punto de vista algo diferente.

Había que comezar por algunha parte, e decidín facelo escollendo un título. Na era de abundancia de oferta informativa en que vivimos, este tería que ser ante todo suxestivo e, a ser posible, descritivo, ben do tema, ben do autor, ou de ambos dous.

Situación é a coidado básico como enfermidade é a atención especializada.

Suxestivo non sei se resultará, pero descritivo, cando menos da miña profesión, creo que si o é. Trátase dunha regra de tres que, honrando o seu nome, permítenos entender o cuarto termo coñecidos calquera outros tres. Se vostede que me está a ler coñece o que é a enfermidade, e xa ten a súa opinión sobre o significado de coidados básicos e atención especializada, só ten que aplicar a regra de tres para saber o quero dicir con situación.

Ah, perdón! Estou dando por suposto que a súa educación matemática básica non foi mala abondo como para secar o caudal da curiosidade e do gusto polo coñecemento con que nacemos. Se aínda flúe, mesmo só unhas pingas, propóñome recompensar a súa atención co meu esforzo por amosarlle que aínda hai esperanza de recuperalo.

Comecemos por observar que xa din un apunte do que entendo por situación. Falando do responsable de protección civil, distinguía entre problema (algo non determinado e aberto cuxa resolución require coñecementos e/ou habilidades) e situación (cun procedemento asociado que non temos máis que seguir).

Quen nos ía dicir na escola que unha regra de tres, aquela cousa tan complicada de aprender, mesmo de clasificar, que se simple, que se composta, que se directa, que indirecta, que sei eu! algún día, esquecido o seu implacable mecanismo, e perdoados os malos momentos que nos ocasionou, podería axudarnos a (polo menos intentar) entender que hai detrás da profesión de enfermería.

A pesar de que con toda seguridade os problemas aos que se aplica a regra de tres eran coñecidos de moito antes, tanto aos hindús coma aos gregos e exipcios, a primeira referencia escrita que temos é da China da Dinastía Han (206 a.d.C. - 220 d.d.C.) no manuscrito Chiu Chang Suan Shu (que significa: Nove Capítulos da Arte Matemática), unha colección anónima de 246 problemas.

Pero o primeiro tratamento sistemático como método para resolver problemas aparece en Aryabhatiya,4 escrito polo matemático hindú, Aryabhata (476-550), cando só tiña 23 anos de idade. Trátase dun conxunto de 332 versos, entre os que está o seguinte:

Na regra de tres multiplícase o froito polo desexo e divídese pola medida. O resultado será o froito do desexo.

Da India pasou aos árabes, onde xa no século X aparece no tratado Fi Rasikat al-hind, (que significa: sobre a regra de tres na India) obra de Al-Biruni (973-1048). Pero non foi ata o século XII que chegou a occidente da man de Leonardo de Pisa (c. 1170-1250) quen a popularizou na súa obra Liber Abacis cos nomes de Regra dos tres Números Coñecidos, Regra de ouro ou tamén Regra dos Mercaderes.

Todo este percorrido histórico para salientar que, sen unha linguaxe apropiada resulta moi difícil aplicar as ideas, por moitas e boas que sexan. Que fariamos hoxe en día sen o concepto de, e o símbolo para o número cero? e que sería de nós sen os números negativos? Se agora lles digo que a occidente, tanto o cero como os números negativos, e mesmo os símbolos e a base do sistema decimal de numeración, nos chegaron dos hindús vía a obra do árabe Al-Khwarizmi (c. 790-850), seguro que non os sorprendo.5

A diferencia do que sucede noutras ciencias, as regras matemáticas e os algoritmos, (palabra derivada do nome Al-Khwarizmi), unha vez establecidos, resultan válidos para sempre, e o mesmo lle sucede ás teorías. Isto debeu ser o que fascinou a Florence das matemáticas, e o que a impulsou a darlle un tratamento científico ao que era a súa... vocación...? paixón? (non creo que se puidese falar de profesión antes dela), os coidados de enfermería. Ata daquela, pouco máis se facía que coidados básicos, polo que, segundo a nosa regra de tres, apenas se atendería outra cousa que situacións.

Pero, realmente seriamos capaces de poñérmonos de acordo no significado de enfermidade (ou saúde), coidado básico, atención especializada? Dispoñemos dunha teoría, entendida esta como conxunto organizado de principios, de regras, de leis científicas co obxectivo de describir e explicar un conxunto de feitos6 na que encadrar estes conceptos? Nin que dicir ten que sen teorías non hai ciencia, polo que deberiamos intentalo.

Por exemplo, na teoría de corte naturalista sobre a enfermería que se desprende das sonadas Notes on Nursing7 de Florence Nightingale, poderíamos (e deberíamos) falar de atención especializada de enfermería como algo distinto de atención médica. Obríganos iso a cambiar o concepto de enfermidade para gardarmos o equilibrio nesta regra de tres? Non, dende o meu punto de vista, e considero oportuno mencionalo para manter a coherencia do discurso. En todo caso, sempre poderemos despexar o termo enfermidade en función dos outros tres, de aí o interesante dos algoritmos.

Ao mellor, se tomamos incapacidade leve como exemplo de situación, e como coidados básicos consideramos os prestados pola familia, entenderemos que sen unha preparación específica, sen unha especialización, non sería posible axudar a unha persoa incursa nun proceso máis complicado, que viría a ser un exemplo de enfermidade.

Tamén se pode ensinar matemáticas sen necesidade de ser profesional do ramo, e, dependendo dos niveis e das aptitudes, os resultados poderían ser equiparables. Pero cando as nosas preguntas van máis aló do básico, cando precisamos satisfacer unha ansia superior de aprendizaxe, daquela só alguén con boa preparación e sólidos coñecementos poderá vir en nosa axuda, necesitamos de atención especializada.

O bo que ten falar de estudios consolidados dende vai moito tempo é que, mesmo cun descoñecemento profundo deles, enseguida se xera un consenso tácito sobre que consisten e, salvo casos coma o de Underwood Dudley, ninguén se atreve a cuestionar a súa pertinencia.

Agora que en España se está a poñer en marcha o proceso de integración/construción no/do Espazo Europeo de Educación Superior, para o que é preciso revisar a esencia mesma dos planos de estudio, ábrense novas posibilidades e retos para a formación de profesionais, tamén de enfermería. Froito deste proceso foi a elaboración por parte da ANECA (Agencia Nacional para la Evaluación de la Calidad y la Acreditación) dos Libros Brancos para as titulacións. Traballos exhaustivos nos que se recollen as opinións dos diferentes actores, tanto do mundo educativo coma do profesional, sobre o que, o como e para que se debe estudar uns determinados contidos, e todo elo con miras a acadar unhas competencias que a sociedade demanda nas diferentes profesións.

No caso dos estudios de enfermería, o seu Libro Branco8 recolle as seguintes competencias:

1. Competencias asociadas con los valores profesionales y la función de la enfermera. Primordialmente significa proporcionar cuidados en un entorno en el que se promueve el respeto a los derechos humanos, valores, costumbres y creencias de la persona, familia y comunidad y ejercer con responsabilidad y excelente profesionalidad tanto en las actividades autónomas como en las interdependientes.
2. Competencias asociadas con la práctica enfermera y la toma de decisiones clínicas. Supone entre otros, emitir juicios y decisiones clínicas sobre la persona sujeto y objeto de cuidados, que deben basarse en valoraciones integrales, así como en evidencias científicas. Significa también mantener la competencia mediante la formación continuada.
3. Capacidad para utilizar adecuadamente un abanico de habilidades, intervenciones y actividades para proporcionar cuidados óptimos. Supone realizar valoraciones, procedimientos y técnicas con pleno conocimiento de causa, destreza y habilidad excelentes y con la máxima seguridad para la persona que lo recibe y para uno mismo. Estaría también en este apartado todas las intervenciones de enfermería ligadas a la promoción de la salud, la educación sanitaria, etc.
4. Conocimiento y competencias cognitivas. Significa actualizar los conocimientos y estar al corriente de los avances tecnológicos y científicos, cerciorándose que la aplicación de estos últimos son compatibles con la seguridad, dignidad y derechos de las personas.
5. Competencias interpersonales y de comunicación (incluidas las tecnologías para la comunicación). Supone proporcionar la información adaptada a las necesidades del interlocutor, establecer una comunicación fluida y proporcionar un óptimo soporte emocional. También significa utilizar sistemas de registro y de gestión de la información utilizando el código ético, garantizando la confidencialidad.
6. Competencias relacionadas con el liderazgo, la gestión y el trabajo en equipo. Supone capacidad para trabajar y liderar equipos y también garantizar la calidad de los cuidados a las personas, familias y grupos, optimizando los recursos.

Tamén resulta interesante ver como as diferentes universidades fixeron súas estas recomendacións, e os estudios complementarios levados a cabo para a elaboración das correspondentes memorias dos estudios de grao, por exemplo na Universidade de Santiago de Compostela.9 De que as universidades acerten a deseñar e programar as materias para acadar estes obxectivos dependerá en boa medida a calidade no futuro deste servicio fundamental.

Calquera que sexan a nosas ideas dos termos, persoa, entorno, saúde e coidados, espero que a regra de tres nos axude a entender as repercusións que teñen nos demais para así harmonizar o seu desenvolvemento.

Xa para rematar, quero agradecer a Rosa María Prol Cid e a María Elena González Iglesias, enfermeiras do Complexo Hospitalario de Ourense e pertencentes ao Grupo de Investigación en Historia e Pensamento Enfermeiro Ágora (GIHPEA), por me teren embarcado nesta aventura. Durante o mes (sen contar as noites!) que durou o proceso de recopilación e elaboración do material, tiven oportunidade de facerme consciente de algúns aspectos dos coidados de enfermería que descoñecía, así como contextualizar outros que asumía sen máis. Gracias tamén a quen teña a paciencia de me acompañar ao longo destas liñas; espero que lle resulten de proveito, e se non, cando menos entretidas.

Notas bibliográficas

1. Dudley, Underwood. What is Mathematics for? Notices of the AMS. 2010; 57(5): 608-613.
2. Lipsey, Sally. Mathematical Education in the Life of Florence Nightingale. Newsletter of the Association for Women in Mathematics. 1993; 23(4): 11-12.
3. Dudley, Underwood. Mathematical cranks. Washington DC: Mathematical Association of America, 1992.
4. Clark, Walter E. (trad. y ed.) The Aryabhatiya of Aryabhata - An Ancient Work on Mathematics and Astronomy. Chicago, Illinois: University of Chicago, 1930.
5. Boyer, Carl A. History of Mathematics. New York: Wiley and Sons, 1968.
6. Enciclopedia Larousse. Disponible en: <https://www.larousse.fr/encyclopedie> [Consultado o 12.5.2010].
7. Nightingale, Florence. Notes on Nursing: What it is, and what it is not. London: Harrison, 1859. Disponible en: <https://www.gutenberg.org/etext/12439> [Consultado o 18.5.2010].
8. Libro Blanco del Título de grado en Enfermería. ANECA, 2004. Disponible en: <https://www.aneca.es/publicaciones/libros-blancos.aspx> [Consultado o 19.5.2010].
9. Memoria Proyecto de Grado en Enfermería. USC, 2008. Disponible en: <https://www.usc.es/gl/servizos/sxopra/0313_graos_memorias.html> [Consultado o 18.5.2010].

Principio de p�gina  error on connection